Marea Pontevedra denuncia que o multamóbil aparca sobre as beirarrúas
Por Redacción
Quen vixía o vixilante? A frase é aplicable en Pontevedra ante a denuncia pública que realizou a agrupación Marea Pontevedra tras comprobar como o vehículo encargado da vixilancia dos estacionamentos, o coñecido como "ollomóbil" ou "multamóbil", foi "cazado" cando aparcaba enriba de beirarrúas do centro da cidade.
Marea Pontevedra realiza esta denuncia cando o goberno municipal de Pontevedra anunciou este martes 13 o inicio a partir da próxima semana dunha campaña intensiva para erradicar a práctica de aparcar os vehículos sobre as beirarrúas de toda a cidade.
Segundo expón este colectivo, a través de varias fotos, o multamóbil aparca en espazos reservados para correos ou enriba das beirarrúas mentres os axentes realizan actividades que non teñen que ver coa seguridade e a mobilidade do tráfico.
Sinalan, ademais, que o vehículo municipal se pasea polas zonas escolares para "cazar" os pais no momento de recoller os fillos dos centros escolares e acusan o goberno municipal de que o "multamóbil" só busca recadar diñeiro a través de sancións.
O colectivo esixe que a Policía Local sexa a primeira en dar exemplo ao resto de cidadáns e deixen de producirse estas infraccións.