A Xunta en Pontevedra asistirá os pensionistas retornados para solicitar a devolución de sancións e recargos
Por Redacción
A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra ofrecerá información e asistencia aos pensionistas retornados para cumprir as solicitudes de condonación e a devolución das sancións, as recargas e os intereses de demora que foron pagados por este colectivo.
As persoas afectadas por esta situación terán que dirixirse ao terceiro piso do edificio administrativo de Campolongo en Pontevedra. O organismo tributario da Xunta de Galicia dispón dunha persoa no resto de delegacións e nos servizos centrais para axudar aos pensionistas retornados neste procedemento. Dende a Consellería de Facenda recórdase que este colectivo pode presentar o formulario de devolución dende o pasado 1 de xaneiro.
Os pensionistas retornados poden presentar a solicitude nas oficinas da Axencia Tributaria do Estado (AEAT) ou da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA). O formulario tamén se pode presentar a través das páxinas web da AEAT e da ATRIGA.
A Axencia Tributaria tamén facilitou un número de teléfono para ofrecer información aos afectados: 881.995.284
A PLATAFORMA ASISTIRÁ AO PLENO
A Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés, pola súa banda, solicitou a palabra para intervir no pleno extraordinario do Concello de Vilagarcía de Arousa do mércores 21, onde se debaterá unha moción de apoio ás persoas que reciben pensións de Estados Estranxeiros, presentada polo BNG.
Trátase dunha moción que demanda do Goberno estatal a modificación lexislativa para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procendentes de pensións, o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que volva a producirse esta situación e a solicitude de información dos países de procedencia das pensións, sobre todo de Suíza, para verificar que prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar unha dobre imposición.
Relacionadas:
-
Emigrantes galegos retornados trasladan as súas protestas á Peregrina
-
Os emigrantes retornados do Salnés seguirán reclamando nas rúas "xustiza no tratamento fiscal"
Por Redacción |
-
Os emigrantes retornados buscan "maís xente que se una" á plataforma ante un novo calendario de mobilizacións
Por Diego Espiño |
-
Concentración contra a reforma fiscal que mantén o cobro aos emigrantes retornados
Por Redacción |
-
Emigrantes retornados reclaman á Axencia Tributaria que devolva o diñeiro de sancións xa pago
Por Oskar Viéitez |