María Biempica presentarase ás eleccións baixo a denominación "Tod@s por Pontevedra"
Por Redacción
Tod@s por Pontevedra. Ese será finalmente o nome da candidatura que encabezará María Biempica nas próximas eleccións municipais. Nace, segundo ela mesma asegura, coa vocación de ser unha forza "que agrupe as ideas de todas aquelas persoas que busquen un goberno do que estar orgullosos e unha cidade na que teñan un futuro" e está aberta a calquera que queira loitar por Pontevedra "aínda que teñamos diferentes ideoloxías".
"A nosa única vocación é Pontevedra", asegura a concelleira non adscrita. "Non estamos atados a ninguén nin a ningún poder de fóra que nos dite ao que podemos aspirar e ao que non". Explica que o nome da candidatura é un reflexo do desexo de ter un goberno local "aberto e que escoita ás persoas, que ten en conta as súas opinións".
O partido nace, segundo Biempica, con vocación de movemento social e cívico, onde integrar a todo aquel "que poida aportar ideas para facer que Pontevedra avance, que atope un camiño no que haxa un futuro para as persoas".
A edil pontevedresa avanzou que esa diversidade será a "afouteza" desta opción política e destacou que cren que o modelo de política tradicional "está esgotado e ninguén se sinte xa identificado con el". Apela á necesidade de chegar a consensos e coa máxima de escoitar ás persoas e ter en conta as súas posturas.
Nos vindeiros días o equipo de Tod@s por Pontevedra comunicará publicamente a imaxe do movemento. A súa cor será o amarelo, vinculado tradicionalmente aos partidos de consenso en Europa, cuxo principal representante, afirma María Biempica, son os Liberais Demócratas de Nick Clegg no Reino Unido.