Pontevedra reduce a factura da luz no 2014 en case un 20%
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra cifra en case un 20% o aforro na factura da electricidade do ano 2014. Un descenso que o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, achacou este luns especialmente aos "importantes" investimentos que se realizaron nestes últimos doce meses en materia de eficiencia enerxética en varias zonas da cidade.
En concreto, Raimundo González desvelou que en 2014 o Concello de Pontevedra pagou 2.114.582,02 euros na factura da luz, fronte aos 2.570.000 do exercicio anterior. Trátase pois dun aforro superior aos 450.000 euros.
A maior parte do gasto volve ser o relativo á iluminación pública, un total de 1.603.000 euros. Pero é precisamente nesta partida onde se produce o maior descenso do gasto, xa que en 2013 o seu custo foi de dous millóns de euros. O resto da factura corresponde a dependencias municipais e colexios.
Cúmprese así, sinalou o edil nacionalista, as "expectativas que tiñamos" e reiterou que os investimentos realizados en materia de iluminación pública deron un gran resultado.
Ademais, a este aforro tamén contribuíu, dixo, a adecuación de consumo contratado á potencia real e ao concurso público da subministración da iluminación que se licitou a principios do pasado ano.