A Autoridade Portuaria de Vilagarcía reformará o seu edificio de oficinas no peirao de Pasaxeiros
Por Oskar Viéitez
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía aprobou sacar a licitación a obra de reforma e ampliación do edificio da Autoridade Portuaria, cun presuposto de 799.996,07 euros e un prazo de execución de seis meses.
Deste xeito, retómase a iniciativa de reformar e ampliar a súa sede, un proxecto que inicialmente estaba previsto acometer no ano 2010 e do que desistiu no seu día para priorizar outros investimentos destinados a mellorar as infraestruturas portuarias e reforzar a aposta de Vilagarcía pola intermodalidade.
Dende abril de 2010, o persoal de oficinas do porto que ata esa data estaba na sede do peirao de pasaxeiros trasladouse ao edificio da antiga Comandancia de Mariña. Non obstante debido á súa antigüidade, este inmoble non resulta idóneo para este uso.
BALANCE DE TRÁFICOS
Por outra parte, a presidenta da Autoridade Portuaria deu conta dos tráficos portuarios en 2014, ano que se pechou coa cifra de 983.277 toneladas de mercadoría movida, un 2,13% máis que o ano anterior. A maior suba rexistrouse no apartado de graneles sólidos, cun incremento de case o 60% (323.047 toneladas fronte ás 202.966 de 2013).
Na actualidade, os colectores representan xa o 29% dos tráficos do porto de Vilagarcía.
Polo que respecta aos resultados do primeiro mes deste ano, o porto conseguiu incrementar case un 3,5% os seus números de xaneiro de 2014.