A Unión Federal de Policía denuncia sobrecarga de traballo nas comisarías de Vilagarcía e Marín
Por Redacción
A Dirección Xeral da Policía "fai oídos xordos" ás peticións de máis unidades policiais e axentes que fai a Unión Federal de Policía (UFP) para as comisarías de Pontevedra, Marín e Vilagarcía de Arousa. Así o denuncia este sindicato policial, que considera que os responsables "están a deixar abandonados" os axentes e cidadáns destas tres localidades.
A UFP asegura que fixeron "intensas xestións e peticións" en diversos foros, pero non están a ser escoitadas, de modo que aumentarán os contactos para conseguir o que consideran que un "xusto e necesario obxectivo": dotar de máis medios os "maltreitos" equipos de Vilagarcia e Marín e a necesaria creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) con sede na Comisaria da rúa Joaquín Costa, pero que dea servizo a Pontevedra, Marín e Vilagarcia.
Ante esta situación, avisan de que que, no caso de producirse algunha desgracia por esta falta de efectivos, a Unión Federal de Policía emprenderá accións legais contra os responsables policiais e políticos deste abandono.
Ademais de seguir solicitando prazas en comisión de servizo, o sindicato solicita que no próximo concurso xeral de méritos se aumenten as prazas en Vilagarcía e Marín, onde os profesionais actuais traballan "sobrecargados de traballo e faltos de horas de descanso". No caso da vila marinense, aseguran, que hai un déficit dun mínimo de 10 funcionarios.
Segundo denuncian, ante a súa petición de máis persoal para Vilagarcía, a resposta que reciben é que o seu equipo é similar ás doutras comisarías da Xefatura Superior de Galicia, pero non se teñen en conta as especificidades e riscos propios de Vilagarcia.