O Sergas nega a Marín a restitución do servizo nocturno do 061 por falta de demanda
Por Redacción
Marín seguirá sen contar cun servizo nocturno de ambulancias do 061. Así o comunicaron este xoves o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o director xeral da fundación ao concello marinense. Entenden que os datos e as incidencias detectadas no municipio non permiten restablecer o funcionamento deste servizo sanitario, ao non se rexistrar demanda abondo.
Aseguran que o 061 atende a unha media de dúas persoas ao día en Marín e tan só a unha cada noite, unhas urxencias que son solucionadas polo recurso sanitario que se mobilice en cada momento segundo a gravidade.
A esta reunión co Sergas acudiron a alcaldesa de Marín, María Ramallo, os voceiros dos grupos políticos con representación na corporación -PP, PSdeG-PSOE, BNG e MARZO-IN- e representantes sindicais de CIG no sector.
Dende o punto de vista técnico, o Sergas e o 061 seguen insistindo en que Marín está cuberto coas ambulancias actuais e que antes de atender esta petición, existen picos de demanda que se se sosteñen en criterios técnicos terían reflexo noutras actuacións prioritarias. Se ben estas, sinalaron, non están decididas nestes momentos.
Dende a Corporación e a representación sindical insisten en que é necesario que o servizo se repoña, porque atende a unha poboación moi importante e a unha actividade empresarial reflectida no Porto. Por iso, reiteran que os horarios de atención deben ampliarse, mellorarse ou reformularse para que a eficacia na atención sexa maior.
En todo caso, asumen que o regreso do servizo nocturno nestes momentos non se vai abordar por parte da Consellería de Sanidade. Aínda así, os asistentes quixeron deixar constancia da reivindicación reiterada neste aspecto.