O PP fará "pellas" na comisión de Recursos Humanos polo silencio de Lores sobre a investigación da Fiscalía
Por Redacción
Os representantes do Partido Popular non asistirán á comisión de Recursos Humanos que se desenvolverá o próximo mércores 25 de febreiro debido á ausencia na orde do día do asunto sobre a investigación que desenvolve a Fiscalía en relación co proxecto de mellora da iluminación pública nos accesos a Pontevedra.
Segundo afirma o concelleiro César Abal, o Grupo Municipal do Partido Popular solicitou o 5 de febreiro ao alcalde que convocara unha comisión informativa e a pesar de que o concelleiro de Réxime Interior e Persoal respondeu nun escrito que se incluiría este asunto na orde do día.
"Non podemos consentir que Lores continúe ocultando información sobre a investigación que mantén en curso a Fiscalía. A política escurantista que ven practicando este goberno chegou ao seu límite", sinalou Abal.
Os populares denuncian a falta de transparencia do goberno local en temas importantes que "supoñen un custo para as arcas municipais" e aseguran que a pesar de solicitar por rexistro o informe da Fiscalía Provincial sobre esta investigación o 3 de febreiro, aínda non teñen acceso a este documento.