Medio Ambiente contabiliza máis de 1.400 exemplares de 37 especies diferentes na illa de Ons
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente leva identificados 1.420 exemplares de 37 especies diferentes dentro do programa de anelamento na Illa de Ons, realizado en outono de 2013, uns resultados moi positivos en canto ao número acadado, por enriba do esperado.
Os primeiros resultados deste programa ambiental, correspondentes á campaña de outono de 2013 indican que o mosquiteiro musical (Phylloscopus trochillus), xunto con papamoscas cerroxillo (Ficedula hypoleuca) son as especies máis importantes en número durante o paso migratorio, aínda que outras especies, como o papamoscas gris (Muscicapa striata) ou o paporrubio (Erithacus rubecola) tamén utilizan as illas como zonas de descanso migratorio.
Ata o momento capturáronse exemplares de mosquiteiro musical anelados en Francia e Inglaterra, o que indica que polo menos parte dos exemplares desta especie procedentes destes países detéñense nas Illas Atlánticas para aprovisionarse de enerxía para a súa viaxe cara ao Sur. Este ano volverase a repetir o programa na illa de Ons.
As Illas Atlánticas de Galicia, debido á súa situación xeográfica, constitúen un lugar estratéxico para o estudo da migración das aves, sobre todo no tempo de outono. Isto é debido a que moitos paseriformes que se atopan de viaxe cara ao sur, procedentes do norte e centro de Europa, desprázanse a miúdo seguindo a liña de costa e bordeando o continente Europeo polo litoral Atlántico ata que teñen que dar o salto ao continente africano ou ata que atopan un lugar adecuado para pasar o inverno no sur da Península.
En determinadas zonas, como no litoral galego, unha parte importante das aves optan por evitar dar o longo rodeo que suporía seguir a costa polas grandes Rías e pegan un salto, empregando as illas de Sálvora, Ons e Cíes como unha ponte na que descansar e coller enerxía antes de proseguir a viaxe.
Por estes motivos, no ano 2013, o Grupo Ibérico de Anelamento, contando co apoio da Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia puxo en marcha a Estación de Anelamiento na Illa de Ons, co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre a migración postnupcial dos paseriformes neste espazo.
Neste sentido, o Programa de Voluntariado na Rede de Parques Nacionais do Organismo Autónomo Parques Nacionais ofreceu un marco idóneo, proporcionando o financiamento necesario e a posibilidade de contar con voluntarios para levar a cabo o proxecto. A campaña de 2013 realizouse de forma continua durante todo o mes de setembro, e no ano 2014 ampliouse aos primeiros dez días do mes de outubro. Nestas dúas campañas participaron 31 voluntarios, ofrecendo unha axuda de gran valor para cumprir cos obxectivos e contando a cambio cunha boa oportunidade de aprender e gozar da contorna das Illas Atlánticas.
Os datos obtidos das aves aneladas ou recuperadas quedan arquivados a nivel internacional e son moi útiles no ámbito da conservación para coñecer enclaves importantes de refuxio e invernada das aves migratorias. Ademais, o anelamento permite obter outra información básica sobre a bioloxía das aves, como taxas de supervivencia, fenoloxía, éxito reprodutor, tamaños poboacionais ou o estado de saúde.