Os alcaldes da Lama, Ponte Caldelas e Fornelos desligan o servizo de ambulancias do convenio con Protección Civil
Por Redacción
As denuncias realizadas polo sindicato CIG a través de Xabier Aboi sobre a utilización de ambulancias en desuso da empresa BDM a través de Protección Civil en Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes obtiveron resposta por parte dos alcaldes destes tres concellos. A través dun comunicado sinalan que os labores que realiza a Asociación de Voluntarios Verdugo-Oitavén nestes municipios son exclusivamente en materia de protección civil, de acordo coa normativa vixente na materia.
Segundo indican, a agrupación emprega os medios humanos e materiais dos que dispoñen e ferramentas que os concellos permiten utilizar para a realización das súas funcións con maquinaria como rozadoras, vehículos ou motobombas. Jorge Canda, Perfecto Rodríguez e Emiliano Lage aclararon que entre as funcións de protección civil que realiza a asociación non se encontra a do servizo de ambulancias nin outro similar sanitario de traslado de enfermos.
E engaden que as circunstancias laborais ou empresariais que teña calquera membro da asociación, a título particular, non teñen nada que ver co labor concreto que realiza a Asociación de Voluntarios de Protección Civil. Lamentan, ademais, que se queiran mesturar "asuntos que nada teñen que ver. As responsabilidades que corresponda asumir á empresa ambulancias BDM polos seus posibles incumprimentos nada ten que ver co labor que poidan realizar os voluntarios de Protección Civil agrupados nunha asociación constituída legalmente".