Veciños de Médico Ballina e Leandro del Río Carnota denuncian inseguridade viaria na zona
Por Redacción
Veciños das rúas Médico Ballina e Leandro del Río Carnota, situadas nos accesos á parroquia de Lérez, presentaron un escrito no Concello de Pontevedra reclamando a adopción de medidas que eviten os excesos de velocidade nesas vías.
Segundo denuncian estes veciños, nos últimos meses rexistráronse varios incidentes relacionados co tráfico nesa zona, con atropelo de peóns e a morte dun can atropelado por un turismo debido á elevada velocidade coa que se circula neses tramos. Manuel Villa, vicepresidente da Comunidade de Veciños de Médico Ballina 15-17, reclama no escrito presentado que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visite esa zona para comprobar a inseguridade vial á que se enfrontan os habitantes da zona.
Piden a instalación de lombos nos pasos de peóns, ademais de bolardos e reclaman a mellora das rúas. Os veciños afirman que as beirarrúas contan con baldosas levantadas, herbas que crecen e espazos que apenas miden vinte centímetros de ancho na zona na que se acometían as obras da AVE. Tamén sinalan que a iluminación perde potencia a partir dunha determinada hora e que os colectores de lixo e reciclaxe se encontran sucios e despiden mal olor. Ademais, solicitan a instalación dun parque de ocio infantil.
Estes veciños alertan de que se organizarán para iniciar protestas se dende o Concello non lles ofrecen unha solución a estas deficiencias que sofren neste ámbito.