Silvia García, única candidata ao decanato da Facultade de Belas Artes
Por Redacción
Silvia García, profesora do Departamento de Pintura, encabeza a única candidatura provisional presentada para concorrer ás eleccións convocadas para o próximo 16 de marzo para dirixir a Facultade de Belas Artes. ÿ a primeira proposta que se presenta despois de que os procesos electorais abertos en febreiro e decembro do pasado ano se pechasen sen candidaturas para dar o relevo ao actual decano en funcións, Juan Carlos Meana. Polo tanto, esta facultade escollerá novo equipo decanal despois de dous intentos falidos.
Na actualidade, Silvia García formaba parte do actual equipo decanal ocupando o posto de vicedecana e responsable de Cultura e Relacións institucionais.
O seu equipo decanal completarase con Marcos Dopico, Susana Cendán, Carlos Tejo e Ana Suárez. O venres 6 de marzo reunirase a Xunta electoral para facer oficial a proclamación da candidatura provisional. A partir dese momento abrirase un prazo de dous días para alegacións. O 11 de marzo levarase a cabo a proclamación definitiva, cinco días antes de que a Xunta de Facultade sexa chamada ás urnas, segundo informa Noemí Rey no Diario da Universidade de Vigo.
Juan Carlos Meana, profesor do Departamento de Pintura, viña ocupando este cargo de decano en funcións dende xuño de 2010. En febreiro de 2014 abriuse un proceso electoral que quedou deserto, ao igual que cinco meses despois nunha nova convocatoria. O reitor solicitou a Meana que continuará exercendo o cargo como decano en funcións ata a convocatoria das novas eleccións.