Pontevedra, invitada a participar en Veracruz (México) no II Foro Iberoamericano de Cidades
Por Alejandro Espiño
Pontevedra foi invitada a participar no II Foro Iberoamericano de Cidades, un encontro que reunirá na cidade mexicana de Veracruz a numerosos expertos de todo o mundo en materia de mobilidade e deseño urbano. Celebrarase os próximos días 11, 12 e 13 de marzo e en representación do goberno municipal estarán os concelleiros Demetrio Gómez Junquera e Miguel Filgueira.
Trátase dunha iniciativa organizada pola secretaría de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano do goberno de México e conta con numerosos socios colaboradores, entre eles a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Federación Nacional de Municipios de México, o Consello Empresarial Mexicano, a Cámara Española de Comercio ou a iniciativa gobernamental Marca España.
Segundo explicou Demetrio Gómez Junquera, os principais obxectivos desta cita son servir como punto de encontro entre empresas e cidades para que colaboren no deseño de infraestruturas e servizos e traballar para xerar un modelo que sexa "sustentable, intelixente e inclusivo".
Pontevedra participará nunha conferencia que se celebrará o 12 de marzo ás 18.00 horas. Baixo o título "Máis que unha moda, unha urxente necesidade: Mobilidade non motorizada", os edís pontevedreses explicarán as solucións aplicadas na cidade en materia de fluxos peonís e ciclistas. "Amosaremos a cidade do mellor xeito posible e iremos coa mente aberta e co interese de aprender todo o que poidamos", dixo Gómez Junquera.
Xunto a eles, estarán o director xeral da consultoría Civitas, Jesús Sánchez, que traballou na expansión da mobilidade ciclista en varias cidades de América latina; e o estadounidense John Orcutt, que foi o responsable das políticas de transporte público co exalcalde de Nova York, Michael Bloomberg.
Ademais de Pontevedra, neste foro participarán varios relatores españois como José Antonio Granero, o decano dos arquitectos madrileños ou o exministro de Xustiza e exalcalde de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón.
Relacionadas:
-
Pontevedra, exemplo de éxito dun proxecto de mobilidade urbana nun foro en Málaga
Por Redacción |
-
Lores analiza os logros da 'cidade 30' nun foro de mobilidade celebrado en Bilbao
Por Redacción |
-
Pontevedra 'venderá' o seu modelo de cidade en Madrid, Porto, Bilbao e Alacante
Por Alejandro Espiño |
-
Lores exhibe as receitas para lograr menos accidentes nas vías urbanas
Por Redacción |