Planean novas obras en Marín con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación
Por Redacción
O novo Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra é visto polo goberno local de Marín como unha oportunidade para executar novas obras na zona urbana do municipio. De feito, son varios xa os proxectos e memorias económicas que se están a ultimar para presentalos á convocatoria que realiza a institución provincial.
Unha actuación será na rúa José del Río. Segundo o Concello, esta zona necesita con urxencia renovar os servizos e as beirarrúas, así como unha reordenación integral do espazo que mellore a mobilidade neste ámbito, que terá cada vez máis frecuencia de peóns e vehículos unha vez se completen as obras do novo centro de saúde.
Trátase dunha obra que se pretende executar en 2015, pero non será antes das eleccións municipais.
Ademais, o Concello de Marín traballa tamén na mellora dos espazos portuarios que van gañar co retranqueo e a nova entrada ao Porto de Marín. Con estas obras, que xa está a executar a Autoridade Portuaria, crearase un paseo que conectará a Avenida de Ourense co Paseo Alcalde Blanco, creando novos espazos nunha zona deportiva e de ocio que está a rexistrar un alto grao de uso por parte dos cidadáns.
O goberno municipal considerará a reordenación dos aparcadoiros e a posibilidade de contar con arboredo "que mellorará e invitará ao paseo nunha zona chaira e agradable". Esta proposta está a ser valorada para poder solicitala e conseguir o financiamento necesario para executala.
MÁIS OBRAS EN JAIME JANER
Por último, o Concello de Marín recorda que os traballos de humanización e mellora que se están a realizar nun tramo da rúa Jaime Janer terán continuidade coas obras que permitirán que o carril de baixada sexa único, mellorando ambas as dúas marxes de beirarrúas, que serán de pedra de acordo co proxecto que se está a executar.
Realizarase tamén unha mellora importante na unión co Fondo do Saco, o que posibilitará a mellora do mobiliario urbano e ofrecer un novo aspecto á zona, similar ao logrado con outras rúas que foron incluídas no denominado Plan Arela, así como noutras actuacións realizadas con anterioridade.
Relacionadas:
-
A Autoridade Portuaria amplía o aparcadoiro de uso público da zona do Porto
Por Redacción |
-
Luz verde ás obras de acondicionamento da zona cedida polo Porto
Por Oskar Viéitez |
-
240.000 euros para urbanizar a rúa José del Río
Por Redacción |
-
Avanzan a bo ritmo as obras de humanización no primeiro tramo da rúa Jaime Janer
Por Redacción |
-
O Concello de Marín poñerá en marcha un novo concurso de ideas para os espazos portuarios
Por Oskar Viéitez |
-
Ultiman un estudo para arranxar o pavimento das zonas máis danadas de Jaime Janer
Por Redacción |
-
Arranca a obra de humanización no primeiro tramo da rúa Jaime Janer
Por Redacción |