A CIG reclama emprego e salarios dignos na Peregrina no Día da Clase Obreira Galega
Por Anxo Lourido
O sindicato CIG levou a cabo unha concentración ao mediodía de delegados sindicais na Praza da Peregrina para conmemorar a xornada do 10 de marzo, Día da Clase obreira galega, demandando emprego e salarios dignos. O secretario comarcal, Marcos Conde, tamén indicou que o acto servía para celebrar o Día da Muller do pasado 8 de marzo esixindo unha mellor situación para as mulleres no marco laboral.
O representante sindical lamentou a "trampa" das estatísticas sobre os datos da taxa de emprego que, segundo entende, se queren reflectir ao referirse da recuperación económica. Conde sinala que non se fala dos mozos que tiveron que emigrar para buscar traballo e dos numerosos galegos que cobran menos de 200 euros ao mes. No caso de Galicia, indican dende a CIG, existen 170.000 traballadores que non chegan a percibir esa cifra.
Por ese motivo, rexeitan a precariedade dos contratos por horas que se detecta, sobre todo, no sector servizos, segundo apunta Marcos Conde e lamentan as políticas aplicadas polo Partido Popular, que ao seu entender, levan consigo o empobrecemento da clase obreira galega. "Se hai salarios de miseria, os traballadores non van ser consumidores", apuntou Marcos Conde.
O secretario comarcal do sindicato nacionalista recordou que Pontevedra sofre a súa condición de cidade non industrial e dependente do sector da administración e do sector servizos. Neste sentido lamenta que se deixase de contratar no sector público, evitando substitucións en casos de baixas ou de persoal que se xubila. Desta forma, recordou o máximo dirixente comarcal da CIG, reducíronse as prazas de profesores no ensino público en máis de 2.000 empregos nos últimos anos en Galicia.