O servizo de axuda no fogar sumará 60 novos usuarios en Pontevedra
Por Redacción
O incremento do orzamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes recén impulsado pola Xunta de Galicia terá impacto directo en Pontevedra. Tan só na capital as horas subirán un 14,6 por cento, é dicir, haberá un incremento de máis de 409 horas ao mes.
Segundo informou a Consellería de Traballo e Benestar, esta actuación permitirá atender a 60 persoas na cidade do Lérez. O orzamento galego ascende xa a 46,3 millóns e o incremento recén anunciado permitirá atender a uns 2.000 demandantes novos, o que requirirá a atención duns 700 traballadores.
Na provincia de Pontevedra, o incremento de horas será dun 20,1 por cento, suporá máis de 14.631 horas ao mes e que permitirá dar entrada a preto de 480 novos usuarios. Este aumento beneficiará tamén aos concellos que conforman a comarca do Salnés, que verá incrementadas as horas de SAF nun 18 por cento, é dicir, en 1.800 horas ao mes, ata alcanzar as case 11.800 horas.
Esta actuación permitirá atender a 260 persoas con dependencia nas localidades de Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cambados, Meaño, O Grove, Vilanova de Arousa, Ribadumia, A Illa e Meis.
O Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras.
Relacionadas:
-
Sen lista de espera para o Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
Tramitan unha nova adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar en Pontevedra
Por Redacción |
-
Bueu adxudica o servizo de axuda no fogar á empresa pontevedresa Idades
Por Redacción |
-
Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |