Convocan unha concentración en contra da presenza dun circo con tigres e leóns na cidade
Por Redacción
O colectivo Touradas Fóra de Pontevedra convocou unha concentración este sábado 14 ás 18.00 horas na praza da Peregrina para denunciar a presenza na cidade dun circo con animais durante os próximos días.
Trátase do circo Kaos que se instalará en Mollabao entre o 13 e o 22 deste mes e o colectivo opositor á súa presenza denuncia que a empresa se anuncia co reclamo de "tigres e leóns brancos en liberdade". Segundo Touradas Fóra de Pontevedra "é o colmo de cinismo falar de liberdade sobre animais que están engaiolados, completamente fose do seu hábitat natural e sometidos a esa tortura chamada adestramento". Lamentan, ademais, que estes animais se encontren forzados a participar nun espectáculo dedicado especialmente aos nenos.
Touradas Fóra de Pontevedra reclama ao Concello de Pontevedra que non permita a este circo a súa instalación na cidade. E, en todo caso, solicita que se impida a publicidade do espectáculo, por calquera medio, en espazos públicos. Sinalan que esta situación non se tería producido en caso de que se tivese aprobado unha moción para prohibir os circos con animais na cidade.
En concellos como Poio, Cangas, Moaña e Vigo xa se aprobaron mocións neste mesmo sentido.