Os veciños da Caeira enfrontaránse á comunidade de Montes dende fóra e dende dentro
Por Oskar Viéitez
O Club de Tenis acolleu este mércores unha reunión dos veciños da Caeira e Boa Vista afectados pola decisión da xustiza de amplíar o monte comunal aos terreos onde se edificaron as súas vivendas.
Miguel Lamela, avogado que representa un importante número de propietarios, explicou a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de estimar parcialmente o recurso presentado pola Comunidade de Montes de San Salvador que anula o deslinde aprobado pola Xunta en marzo de 2009. Con esta decisión, duplica a superficie outorgada á comunidade de San Salvador.
Segundo este letrado isto significa que a sentenza do TSXG "ordena volver facer ese deslinde", pero precisa que "non nos termos que formulara a comunidade de montes".
Esta sentenza será recorrida en casación polos veciños e polo Concello de Poio que tamén esta afectado xunto a outros 300 propietarios.
Na reunión do Club de Tenis insistiuse en que a negociación cos comuneiros foi imposible ata agora xa que estes esixían unha indemnización por ocupar os terreos que segundo eles son monte veciñal.
Na reunión tamén se formulou unha segunda vía para reaccionar ante o fallo, que pasa por solicitar o ingreso na comunidade de montes, para poder tomar parte nas decisións da comunidade e dende dentro reverter a situación actual.
A día de hoxe a Comunidade de Montes de San Salvador está conformada por 50 membros polo que os afectados esperan reunir a un mínimo de 90 familias para solicitar o ingreso como comuneiros e, desta forma, ser maioría dentro da comunidade de montes.
Á reunión tamén asistiu o voceiro do PP en Poio, Ángel Moldes que recomendou aos afectados que intenten negociar cos comuneiros xa que dixo "as cousas cambiaron" dende que Carmen Esperón perdeu a presidencia tras unha moción de censura.
Relacionadas:
-
Novo pau xudicial contra os comuneiros de San Salvador que pretenden situar uns 300 inmobles da Caeira en monte comunal
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG concede aos comuneiros de San Salvador os terreos de 300 vivendas da Caeira
Por Natalia Puga |
-
TSXG dá a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e anula un deslinde de 2009
Por Redacción |