Organizan un evento colectivo en Pontevedra para contemplar a eclipse de Sol do día 20
Por Redacción
O próximo 20 de marzo poderase observar dende calquera punto do territorio español unha eclipse de Sol, un evento no que o astro rei se aliña coa Lúa e a Terra e queda escurecido case por completo. Non puidemos gozar dun fenómeno así dende hai dez anos e, por iso, son numerosas as localidades nas que se están a preparar diferentes actividades para celebralo.
Galicia será a rexión do país onde, pola súa situación xeográfica, mellor poderase contemplar este fenómeno. Esta vez a eclipse de sol será parcial, é dicir, a Lúa non o tapará por completo polo que en ningún momento quedaremos ás escuras. Producirase entre as nove e as once e media da mañá e en Pontevedra haberá un punto onde se reunirán os afeccionados á astronomía.
Será a praza da Ferrería. ÿ o lugar elixido pola Asociación Astronómica Sirio que, en colaboración co Concello de Pontevedra, ofrecerá aos asistentes todos os instrumentos necesarios para poder contemplar esta eclipse con total garantía e evitando posibles danos para a saúde, relacionado principalmente coa obrigada protección ocular para poder mirar directamente cara ao sol.
Ademais, o día previo, o xoves 19 de marzo ás 20.00 horas, celebrarase unha charla informativa na Casa das Campás, na que baixo o nome Que é isto da eclipse de sol? analizarase este fenómeno, cales son os seus mecanismos e que é exactamente o que poderemos ver en Pontevedra.
Xunto a Pontevedra, Sanxenxo anunciou xa un evento colectivo para poder gozar da eclipse.