En Poio, 18 vítimas de violencia de xénero teñen orde de protección
Por Redacción
A Mesa Local de Violencia do Concello de Poio tivo este xoves unha nova xuntanza, a número 18, baixo a presidencia da concelleira de Benestar Social, Lidia Salgueiro, e coa asistencia dos representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado (Garda Civil, EMUME e Policía Local), da Xefa da Unidade de Violencia da Subdelegación do Goberno, das técnicas do Centro de Información á Muller, das orientadoras dos colexios do municipio e do Centro de Saúde.
Da análise da situación de violencia do Concello e dende a última mesa dedúcese que actualmente existen dous casos novos de vítimas con orde de protección facendo un total de 18. O risco existente na maioría dos casos é calificado de "non apreciado".
Existen tres novas altas no teléfono de asistencia (ATEMPRO-TAVM) que fan un total de sete activos na actualidade.
Dende o mes de novembro de 2014 ata este xoves, atendéronse dende o Centro de Información a Muller dez novos casos de violencia de xénero, dos cales dous denunciaron e teñen orde de protección, as oito restantes acudiron a asesoramento xurídico e/ou psicolóxico. En canto á idade media, séguese detectando que baixa a idade das afectadas e tamén recentemente obsérvase o aumento en casos de maiores de 60 anos.
Finalmente, aproveitouse para presentar aos asistentes a campaña De Muller a Muller do 8 de marzo que homexea a cinco mulleres do municipio pola súa traxectoria profesional e persoal en ámbitos moi importantes da sociedade actual, e que na maioría dos casos son sectores totalmente masculinos.