Denuncian irregularidades na nova adxudicación do servizo de cafetería da Brilat
Por Anxo Lourido
A concesión do servizo da cafetaría da Brilat de Figueirido farase pública nos próximos días despois dun concurso no que seis empresas quedaron finalistas. O sindicato CIG denunciou este venres 13 que a empresa que se encontraba en cuarto lugar entre as ofertas, Novet-Pomar, será a que se leve a adxudicación debido á baixada de prezos presentada que alcanza o 20%, unha baixada cualificada de "temeraria" por parte do sindicato nacionalista, onde sospeitan que os prezos volverán subirse dentro duns meses co permiso da Brilat.
Diana Rodríguez, secretaria comarcal de CIG-Servizos de Pontevedra e o secretario comarcal da central, Marcos Conde, denunciaron que a empresa Novet-Pomar foi creada por María Jesús López Somoza, administradora da actual concesionaria do servizo de cafetaría do cuartel da Brilat, que está imputado por un delito contra a liberdade sindical.
E sinalan que existen intereses dende a Unidade de Servizos de Bases (USBA) da Brilat para que López Somoza e o seu socio o empresario gaditano José Luis Espinar continúen sendo os que manteñan a actividade da cafetaría na instalación militar a pesar das diferentes irregularidades que, dende a CIG, se veñen denunciando con situacións de acoso que, segundo Diana Rodríguez, "rozan ou esperpento" ata o punto de non conceder as horas sindicais á delegada para poder asistir á rolda de prensa.