Poio recoñece o traballo das súas mulleres
Por Redacción
Margariña Valderrama Curras, Asunción Díaz Pereira, Begoña Lorenzo Lourido, Noemí Blas Prieto e María Curra Ortíz foron as protagonistas da noite deste venres en Poio. Cinco mulleres e cinco homenaxeadas con motivo da campaña 'De muller a muller', posta en marcha con motivo do Día Internacional da Muller que se celebrou o 8 de marzo.
Margariña Valderrama Curras foi a primeira muller concelleira en Poio no período de democracia. Asunción Díaz Pereira está considerada un exemplo de muller traballadora e de instinto de superación persoal. Begoña Lorenzo Lourido é matrona no centro de saúde do municipio dende hai 30 anos. Noemí Blas Prieto foi unha muller pioneira no deporte das carreiras de coches, presidenta dunha escudería e líder nun mundo primordialmente masculino. E María Curra Ortíz é unha pioneira no marisqueo a flote, unha actividade só exercida por homes.
As cinco protagonizaron unha homenaxe no Casal de Ferreirós organizada para poñer en valor o traballo das mulleres de Poio por tratarse de veciñas pioneiras e exercer o liderado nun campo de traballo prioritariamente masculino, por ser mulleres loitadoras e con instinto de superación ou pola súa adicación e servizo ás demais mulleres.
As mulleres volverán ser as protagonistas do día este sábado, pois a partir das 12.00 horas as homenaxeadas plantarán cinco árbores no 'Bosque das mulleres' no parque Costa Xiraldez en Lourido. A actividade tamén forma parte do programa organizado polo Centro de Información a Muller da Concellaría de Benestar de Poio con motivo do Día Internacional da Muller, que este ano, por primeira vez, desenvolveu a campaña 'De Muller a Muller'.