Os directores de colexios analizan en Pontevedra a aplicación da Lomce
Por Redacción
Os directores de colexios públicos da provincia de Pontevedra déronse cita na cidade para analizar, entre outras cuestións, a posta en marcha de varias zonificacións nas localidades de Ponteareas e Gondomar ou a aplicación da nova Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) nos centros de Educación Primaria e Secundaria.
A xunta provincial de directores celebrouse na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra coa intermediación da Xefatura Territorial de Cultura e Educación. Ademais do xefe territorial, César Pérez Ares, estiveron presente o xefe de Inspección Educativa, Manuel Torres, e representantes dos directores dos centros de toda a provincia.
Segundo indicou a Xunta de Galicia nun comunicado, Pérez Ares destacou a cordialidade e diálogo coa que se desenvolveu a sesión, e destacou que esta xunta provincial ten como obxectivo coordinar diferentes actuacións.
En relación coa aplicación da Lomce, analizaron tanto os aspectos relacionados coa oferta da Formación Profesional Básica para o próximo curso escolar como a posta en marcha da nova proba de terceiro curso de Primaria que se vai a facer efectiva en maio. Tamén se abordaron outros temas como a redacción da guía de programacións, o currículum de Secundaria e o novo proceso de consolidación de directores.
No turno de rogos e preguntas, analizouse a posta en marcha do PROA, tanto neste curso como no seguinte, con diversas propostas sobre a mesa dos directores presentes. Ademais, recolleuse a solicitude dos directores de que os centros de liña 4 poidan contar cun auxiliar administrativo dado o seu grande volume de carga administrativa. Esta petición será trasladada dende a Xefatura Territorial á Consellería de Cultura e Educación.