A Reigosa aproba mobilizacións contra a instalación dun crematorio no polígono
Por Redacción
A oposición veciñal contra a instalación de fornos crematorios xa non é exclusiva de Pontevedra. Na Reigosa, no termo municipal de Ponte Caldelas, os veciños aprobaron iniciar unha serie de mobilizacións contra a decisión do Goberno local de outorgar licenza a un proxecto da funeraria San Marcos.
A asociación de veciños convocou este domingo unha asemblea urxente de veciños "dado que todo o pobo está moi indignado con este tema". A indignación disparouse nos últimos días, cando coñeceron a través dos medios de comunicación que o Concello deu licenza para instalar un crematorio de 300 metros cadrados nunha parcela de 1.500 metros cadrados no polígono empresarial da Reigosa.
Os veciños non están dispostos a permitir que esta instalación se asente tan próxima ás súas casas, de modo que decidiron deixar ver o seu malestar publicamente. Ademais de instalar pancartas de protesta, este xoves día 19 de marzo acudirán ao pleno da Corporación, previsto para as 13.00 horas e no que previsiblemente os partidos da oposición sacarán a relucir o tema.
Ante a oposición xurdida ao proxecto, e as críticas realizadas polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quixo aclarar este fin de semana que o Goberno local outorgou licenza porque é unha actividade permitida e perfectamente apta nun polígono industrial, de acordo coa lexislación urbanística, e porque os concellos teñen obriga de outorgar licenza a todos os proxectos que cumpren a lei ou estaría a cometer unha ilegalidade.
Ademais, Perfecto Rodríguez recorda que un crematorio é unha actividade que nin sequera está sometida ao trámite de incidencia ambiental porque non causa ningunha molestia nin problema ambiental, sobre todo ao estar instalada nun polígono industrial e ao ter as vivendas situadas a máis de 500 metros de distancia. Garante aos veciños que "poden estar totalmente tranquilos".
En relación coas críticas do PSOE, considera que "quere, unha vez máis, confundir e crear balbordo e alarma social totalmente inxustificada" ao comparar a instalación dun crematorio nun parque empresarial coa polémica xurdida en Pontevedra pola intención de construír crematorios dentro dos propios núcleos de poboación ou a unha distancia de 50 metros de cásaas. "Aquí tampouco permitiriamos que se construíse un crematorio no medio dun núcleo ou preto das casas", asegura.