Un policía local fóra de servizo sorprende un home agredindo a súa parella en plena rúa
Por Oskar Viéitez
A actuación dun axente da Policía Local de Pontevedra fóra de servizo foi determinante para evitar que un home seguise agredindo a súa parella en plena rúa. O suceso tivo lugar o pasado venres 13 ás 9:30 horas na rúa Ernesto Caballero.
Segundo fontes oficiais da Comisaría local de Pontevedra, o axente, que se encontraba libre de servizo, foi testemuña de como un home agredía unha muller que pedía auxilio a gritos. A muller escapaba pola rúa sendo perseguida polo varón que lle deu alcance empurrándoa contra a parede e agarrándoa pola solapa.
O policía avisou á central acudindo de inmediato varias patrullas que localizaron o agresor nas inmediacións da rúa Loureiro Crespo xunto á súa parella.
O home foi identificado polos axentes e, para sorpresa de todos, a muller, presunta vítima, negou os feitos. En concreto, dicía que non quería denunciar xa que non lle pasara nada e que o acontecido "só foi unha discusión elevada de ton".
Ao haber unha testemuña directa deste episodio violento o varón foi detido. A Policía neste caso actúa de oficio. O detido é un varón de 28 anos de idade.