Urbanismo investirá un millón de euros na reforma de Javier Puig, José Millán e Lepanto
Por Redacción
Antón Louro, o concelleiro de Urbanismo do Concello de Pontevedra, anunciou o inicio do procedemento de contratación das rúas Javier Puig e José MIllán mentres os técnicos ultiman o proxecto de reforma de Lepanto. Coa execución destas obras finalizaría a remodelación de todo o ámbito urbano do barrio de San Antoniño.
O rematado en superficie para estas rúas manterá a liña das últimas reformas con lousas de cor laranxa nas beirarrúas, tiras de pedra natural e unha banda empedrada que delimitará as áreas de aparcadoiro, servizos e carga e descarga. Os sentidos de circulación continuarán como na actualidade, nun só carril. A reforma, segundo Louro, é necesaria porque os tubos de servizos teñen problemas de filtracións e os pavimentos da calzada e das rúas se encontran deteriorados.
O presuposto dos traballos previstos nas tres rúas achégase ao millón de euros. A reforma de Javier Puig conta cunha partida de 437.328 euros e manterase unha fila de aparcadoiro a man dereita. As beirarrúas alcanzarán os 3,20 metros co obxectivo de evitar a estreiteza actual para o paso de peóns, sobre todo na zona próxima á gasolineira. A banda de aparcadoiro ocupará 2,20 metros. Tamén se acometerán as obras de reforma das redes de auga potable, saneamento e iluminación pública. O prazo de execución será de catro meses.
O mesmo prazo se contempla para a rúa José Millán, que contará cun presuposto de 285.234 euros que manterá prazas de aparcadoiro en ambos os dous lados da vía. As beirarrúas contarán cunha extensión de 2,60 metros a cada lado. A diferenza no presuposto respecto a Javier Puig débese a que a rede de abastecemento de auga foi renovada recentemente con tubos de fundición. Cambiaranse as redes de saneamento e pluviais e o tendido subterráneo de iluminación pública.
Segundo Antón Louro, a rúa Lepanto está a ser analizada polos técnicos e estúdase a posibilidade de que, ao ser máis estreita, poida formarse cunha plataforma única, na que poidan coincidir peóns e vehículos. Esta vía contará cun presuposto próximo aos 280.000 euros.
O tenente de alcalde indicou, ao final da rolda de prensa de presentación destes proxectos cun investimento de preto dun millón de euros, que ten previsto que se acometa algunha outra obra antes de que finalice o mandato. E sinalou que durante estes catro anos se reformaron case 20 rúas e prazas da cidade.
Relacionadas:
-
EC Casas reformará a rúa Javier Puig por cen mil euros menos do prezo de licitación
Por Oskar Viéitez |
-
Á rehabilitación integral da rúa Javier Puig sáenlle 32 pretendentes, 14 de Pontevedra
Por Redacción |
-
Póñense en marcha as reformas das rúas José Millán e Javier Puig
Por Oskar Viéitez |
-
Antes do mes de maio comezará a segunda fase das obras de San Antoniño
Por Redacción |
-
A programación de obras para o ano 2015 volverá centrarse no barrio de San Antoniño
Por Redacción |