O Porto de Marín aproba o Plan de empresa 2013
Por Redacción
Na última sesión do ano celebrada este mediodía, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou o Plan de Empresa 2013.
Entre os seus grandes obxectivos destacan a continuidade do equilibrio na presentación da mercancía entre graneis sólidos e mercancía xeral, a progresiva diversificación de tráficos, a ampliación de operadores en servizos marítimos regulares e novas liñas transoceánicas que permitan situar ao Porto como unha das portas de entrada directa a Europa.
Ademais, establécese a consolidación e crecemento de importantes tráficos captados en exercicios precedentes, como a froita, os siderúrxicos ou os compoñentes eólicos ademais doutros que se prevé aumentar como o de cereais e pensos ou pesca conxelada.
O Plan de Empresa recolle ademais a previsión de finalización das obras de ampliación da Canle de Panamá como unha oportunidade para que Marín abra novas portas comerciais de entrada a Europa.
Os principios que rexen o plan de empresa do Porto de Marín son basicamente a disciplina no cumprimento das dotacións de orzamento e cumprimento do Plan de Austeridade, a potenciación da participación do sector privado no proceso investidor e a flexibilización do modelo tarifario coa entrada en vigor da modificación da Lei 48/2003 de Réxime Económico e de Prestación de Servizos dos Portos de Interese Xeral.
O Consello tamén puido coñecer os últimos datos estatísticos provisionais que sinalan que:
- o Porto rexistrou ata o mes de novembro un aumento do 4,43% no seu movemento de mercancía, cun total acumulado de 1.767.669 toneladas despachadas nos peiraos marinenses entre xaneiro e novembro.
- Destaca o crecemento da mercancía xeral, que subiu un 9,13%.
- O número de buques que atracaron nas terminais de Marín ascendeu no que vai de ano a 852, o que supón un incremento do 9,09% e o seu GT (capacidade de carga) ascendeu un 46%.
- O tráfico de colectores tamén experimentou un crecemento do 3,32%.