Un can da Garda Civil detecta 50 landras de haxix nun control rutineiro en Vilanova
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a M.D.L., de 30 anos de idade e a A.L.V., de 31, ambos os dous veciños de Pontecesures, como supostos autores dun delito contra a saúde pública, ao ser acusados de tráfico de drogas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon este martes nun dispositivo operativo de prevención na vía pública, realizado polo Grupo Rural de Seguridade (GRS) da Garda Civil de Pontevedra, na AG-42, punto quilométrico 7'500, dirección Vilagarcía e termo municipal de Vilanova de Arousa.
Ao interceptar un turismo, un Seat León, procedeuse ao seu rexistro polo Servizo Cinolóxico da Garda Civil, sendo localizada polo can detector de substancias estupefacientes unha bolsa de plástico con 50 landras de haxix e que pesaron máis de 500 gramos.
A droga estaba oculta no compartimento do motor, máis concretamente no oco do pase da roda dianteira esquerda.
Por todo iso os axentes procederon á detención do condutor do vehículo e o seu acompañante que foron conducidos ás dependencias oficiais do Posto Principal de Cambados onde o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil desta localidade se fixo cargo da instrución das correspondentes dilixencias.
Os detidos, que carecen de antecedentes policiais, xunto coa droga incautada, serán entregados no Xulgado de Instrución número dous de Vilagarcía de Arousa.