O PSOE e o alcalde da Lama condenan as pintadas ameazantes na casa do concelleiro Enrique Vaqueiro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Executiva provincial do PSdeG-PSOE transmitiu o seu apoio ao concelleiro socialista da Lama, Enrique Vaqueiro, que durante a xornada deste sábado 28 se encontraba con dúas pintadas ameazantes na fachada da súa vivenda. Dende o PSOE condénanse estes actos "salvaxes" que, segundo apuntan, non contribúe a crear un bo clima na localidade.
Segundo a información ofrecida por Águeda Piñeiro e Rafa Fariña, no Diario de Pontevedra, unha cruz latina e unha esvástica apareceron pintadas nun portal interior do recinto da casa de Enrique Vaqueiro.
O concelleiro evita relacionar estes feitos vandálicos coa tensión que se produciu no último pleno municipal no que os representantes socialistas abandonaron a sala tras un intenso debate derivada dunha adxudicación realizada polo equipo de goberno do alcalde, o popular Jorge Canda.
Dende o PSOE recórdase que Enrique Vaqueiro xa foi ameazado anteriormente a través das redes sociais por parte dun irmán do concelleiro do PP, que foi condenado por estes feitos.
Santos Héctor, secretario xeral dos socialistas pontevedreses, reclama unha condena urxente por parte do alcalde da Lama e do Partido Popular por este último incidente.
O ALCALDE CONDENA OS ACTOS
Precisamente o alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, expresou este domingo a súa máxima condena ás pintadas aparecidas na casa do voceiro socialista, Enrique Vaqueiro, e manifestou a súa solidariedade co concelleiro ao tempo que critica a acción vandálica.
Jorge Canda afea o seu comportamento aos autores do acto ao tempo que considera que o municipio da Lama se caracteriza polo respecto, a convivencia pacífica e a defensa dos dereitos democráticos dos seus cidadáns.
Canda quixo mostrar a súa solidariedade persoal e do grupo municipal do Partido Popular ao concelleiro socialista e afirma que "estes comportamentos minoritarios, anecdóticos e illados en nada se identifican cos veciños da Lama que son cidadáns que apostan pola tolerancia e que se caracterizan polo respecto aos bens e ás persoas".
Relacionadas:
-
O socialista Enrique Vaqueiro pide a dimisión do concelleiro de Ciudadanos na Lama por chamalo "señorito lisensiado"
Por Redacción |
-
Pleno bronco na Lama que conclúe cos edís socialistas abandonando a sesión
Por Redacción |
-
O alcalde acusa a Enrique Vaqueiro de crear un "falso" clima de inseguridade cidadá na Lama
Por Redacción |