Denuncian o uso de pesticidas tóxicos na limpeza das beirarrúas de Vilagarcía
Por Redacción
O BNG de Vilagracía de Arousa denuncia que a empresa de limpeza do concello está utilizando pesticidas tóxicos na limpeza das beirarrúas da cidade. Así consta, din, na denuncia realizada polos veciños do lugar de Castelete (Sobradelo). Aseguran que durante a noite, varias persoas alertaron de que varios operarios estaban pulverizando herbicidas sobre a maleza existente.
Segundo os nacionalistas, o produto empregado, do que os veciños recolleron mostras para analizar, é glifosato, "un herbicida etiquetado como perigoso para o medio e que xera riscos para a saúde humana", e cuxa aplicación no centro da cidade, aseguran, "expón o produto a milleiros de persoas".
"Estamos falando polo tanto dun produto altamente nocivo para a saúde", aseguran desde o BNG. "Non se pode consentir tal irresponsabilidade por parte do goberno municipal, non se pode consentir que por aforrar cartos se xogue coa saúde dos cidadáns".
A formación nacionalista recorda que o pasado mes de maio o Concello de Vilagarcía negou que se estivese impartiendo un curso sobre aplicación de herbicidas, "unha formación obrigatoria para manipular este tipo de produtos", polo que segundo o BNG "queda demostrado que unha vez máis o PP mentiu a cidadanía e non só minte, senón que ademais actúa de costas á cidadanía e con escurantismo".
Por iso, mediante un comunicado de prensa, o BNG pide ao goberno municipal que aclare a situación e informe "con que intencións estanse fumigando diferentes zonas da nosa cidade, por que se realizan ditas fumigacións pola noite e por que mentiu dicindo que non se estaban impartindo ningún cursiño destas características aos traballadores".