Condenan a dez anos de cárcere a un veciño do Porriño por intentar matar a tiros un amigo
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un veciño do Porriño, José Luis Fernández Urceira, a unha pena de dez anos de prisión por un delito de asasinato en grao de tentativa, por disparar seis tiros a R. B. A., un amigo seu co que estivera a consumir drogas.
O fiscal reclamaba 11 anos de cárcere pero a sentenza rebaixou nun ano a pena en 10 ao considerar o atenuante de consumo de drogas.
Durante o xuízo a vítima renunciou a calquera diñeiro que poida entregalo o procesado porque "personalmente, le perdono", dixo. Considerou que "para facer unha cousa como esa, tiña que estar enfermo" e non quixo que o indemnizase.
Os feitos tiveron lugar ás seis da madrugada do 14 de novembro de 2011 nunha pista do monte no lugar de ponte Orbenlle-Ribadelouro, do municipio de Tui (Pontevedra). Ata alí acudiron nun Suzuki Baleno propiedade de vítima.
Nun momento dado José Luis sae do vehículo e achégase coa pistola na man á xanela do condutor "co propósito de causar a morte". O acusado se "achegou a curta distancia e de forma sorpresiva e intentando non lle dar ningunha posibilidade de defensa, fixo un primeiro disparo que lle impactou na zona retroauricular esquerda, seguido de dous disparos máis que lle impactaron no ombro esquerdo," recolle a sentenza.
R. B. A. conseguiu pechar a porta do coche, arrancar e fuxir do lugar, sen que Fernández Urceira lograse o seu obxectivo.
Mentres escapaba o seu agresor aínda realizou outros tres disparos máis que impactaron na carrocería do coche da vítima, segundo corroboraron os axentes da Garda Civil durante o xuízo.
Como consecuencia dos balazos a vítima sofre algunhas secuelas como unha artrose postraumática.
O fallo non é firme e pódese recorrer en casación ante o Supremo.