O PSOE intentará que o Pleno revogue a licenza do crematorio da Reigosa
Por Oskar Viéitez
"Se despois da forte oposición veciñal á construción dun Crematorio no Polígono da Reigosa, Perfecto Rodríguez non revoga a licenza e antes das Eleccións Municipais se empeza a construír é porque hai algo sucio detrás de todo isto", afirma o voceiro do PSOE en ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Os socialistas esixen a anulación da licenza concedida por conseguir "ocultismo" e "sen pensar na saúde dos veciños" da Reigosa, Baltar e outros pobos lindantes, "priorizando os intereses dun empresario aos dos veciños".
Entre os seus argumentos o PSOE cita estudos epidemiolóxicos e ambientais onde especifican os "perigos para a saúde" desaconsellando a súa situación preto de zonas habitadas, ademais de sentenzas favorables impedindo que se constrúan preto de zonas habitadas e mesmo peches de crematorios en funcionamento dende hai anos por "risco sanitario".
Por estes, e outros motivos que reiterarán durante a sesión plenaria, Andrés Díaz asegura non entender como dende o concello non se emitiu un informe desfavorable sobre a posible instalación dun Crematorio no Polígono da Reigosa, desaconsellando a súa situación pola proximidade a zonas habitadas, é máis, o voceiro socialista asegura ter a "certeza de que Perfecto Rodríguez colaborou con Juan Perdiz para axilizar todos os trámites legais pertinentes esixibles para poder outorgarlle a licenza o antes posible, ademais da xa coñecida ocultación intencionada ao pobo e posterior intento de engano con mentiras por parte de Perfecto Rodríguez e concelleiros do Partido Popular".