A operación Pórtico permite intervir no porto de Marín 70 quilos de cocaína procedente de Colombia
Por Natalia Puga
Axentes do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) Galicia da Garda Civil desenvolveron nas últimas horas unha nova operación contra o tráfico de drogas que, neste caso, se centrou no porto de Marín e a súa actividade comercial. O operativo, que foi batuizado como Pórtico, permitiu a intervención de 70 quilos de cocaína.
Os axentes de ECO, coa sede establecida na Comandancia de Pontevedra, pero dependente da Unidade Central Operativa UCO de Madrid, lograron interceptar o alixo na tarde deste xoves a bordo dun buque de mercadorías que chegou ao porto de Marín procedente do porto colombiano de Turbo, na zona sur-oriental do golfo de Urabá.
Fontes oficiais da UCO confirmaron que hai en marcha unha operación en Marín, pero se descarta facilitar máis detalles porque o operativo segue aberto. Outras fontes consultadas indican que o caso se encontra baixo segredo de sumario xudicial e, ata o momento, non se produciron detencións.
A cocaína foi localizada escondida entre unha carga legal de bananas. Os axentes encontrárona dentro do colector de froita, pero non transcendeu a forma na que apareceu a substancia ilegal.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, indicou, nun acto público en Lugo, que a operación segue aberta e eloxiou a Garda Civil polos "constantes éxitos que está teniendo en materia de aprehensión de sustancias estupefacientes". No porto de Marín a última intervención remóntase ao mes de outubro de 2014 e deixou nove detidos.
Relacionadas:
-
Desartellan un grupo organizado que levaba anos introducindo cocaína a través do porto de Marín
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dous arousanos e un colombiano condenados a seis anos e medio de prisión por introducir coca polo Porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O líder da rede que meteu droga en Marín en plátanos é un dos narcos máis importantes de España
Por Natalia Puga |
-
Ingresan en prisión seis dos nove detidos polo alixo de cocaína do Porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Nove detidos en Marín e Andalucía polo alixo de cocaína localizado no porto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada