Ponte Caldelas pide axuda para unha nova reforma da praza de abastos
Por Redacción
Para reformar o mercado de abastos o goberno municipal de Ponte Caldelas vai solicitar a colaboración económica da Consellería de Economía e Industria a través dunha subvención para proxectos municipais que teñen como obxectivo mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, informou que o proxecto presentado polo concello contempla unha nova fase de reformas cun investimento de algo máis de 62.000 euros dos cales o 70% serían aportados pola Consellería, é dicir, 43.500 euros.
Perfecto Rodríguez e os comerciantes da praza de abastos desta localidade invitaron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a visitar as instalacións do mercado municipal xunto con o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
Segundo explicou Perfecto Rodríguez, as obras que pretenden executar este ano suporían a apertura dun oco para a colocación dunha nova porta do aseo, a instalación dunha porta de chapa lacada no mesmo lugar e o pavimentado da praza mediante piso antideslizante.
Tamén se instalarán fregadeiros de aceiro inoxidable, grifería e saneamento, forrándose ademais as encimeras con chapa pregada de aceiro inoxidable. A maiores, instalaranse carteis informativos, unha consigna para o gardado das pertenzas dos usuarios e dun colector para recollida de residuos.
O proxecto contemplará tamén melloras eléctricas, como a instalación dun novo cadro eléctrico, unha nova liña de forza e de tomas de corrente para bancadas centrais e dunha liña para alumeado de emerxencia. Finalmente, tamén se mellorará a ventilación dos aseos, o sumidoiro central e se realizará un curso formativo en técnicas de ventas aos praceiros.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas precisa máis cartos para non facer unha "auténtica chapuza" na Praza de Abastos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O mercado de Ponte Caldelas roza a plena ocupación e ultima unha reforma para o verán
Por Redacción |
-
Adxudícanse dous dos seis postos a concurso na Praza de Abastos de Ponte Caldelas
Por Redacción |