As chuvias chegaron para quedar toda a semana nas Rías Baixas
O mal tempo permanecerá o resto de semana nas Rías Baixas. Os ceos cubertos e as chuvias serán o panorama normal que encontraremos ata o domingo. No transcurso dos días irase experimentando un descenso das temperaturas dos 19 graos deste xoves ata os 9 graos de mínima que se alcanzarán o domingo.
A xornada deste xoves estará definida por unha situación meteorolóxica en superficie moi indefinida entre as altas e baixas presións, polo que o vento frouxo que soprará do oeste marcará a xornada que permanecerá con intervalos nubrados e chuvascos segundo a predición de MeteoGalicia. As temperaturas non experimentarán cambios significativos a excepción dun lixeiro descenso das mínimas ata os 19 graos.
O venres será un día no que a inestabilidade atmosférica provocada pola presenza de aire frio nas capas altas da atmosfera deixará unha xornada con ceos parcialmente cubertos e con chuvascos pola mañá que se poderán volver tormentosos ao longo da tarde nas Rías Baixas. As temperaturas permanecerán sen cambios e os ventos de compoñente sur soprarán frouxos con intervalos moderados no litoral.
Non se agardan grandes cambios para a situación meteorolóxica do fin de semana. O aire frío en altura seguirá soprando o sábado en toda Galicia, o que manterá a situación de inestabilidade. Os ceos permanecerán anubrados con chuvias xeneralizadas que aumentarán a súa intensidade pola tarde e poderán estar acompañadas por tormentas de compoñente eléctrico e de sarabia. As temperaturas sufrirán un descenso ata alcanzar os 10 graos de mínima e os 17 de máxima. Os ventos frouxos de dirección variable que soprarán pola mañá irán cambiando a súa dirección cara o oeste.
O domingo presentará un tempo moi parecido ao da xornada anterior, un lixeiro descenso da temperatura ata os 9 graos de mínima e os 18 graos de máxima pecharán esta semana nas Rías Baixas.