O Concello de Cuntis compra a antiga casa consistorial feita un "adefesio" a día de hoxe
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra destinará 204.000 para adquirir a antiga casa consistorial e a casa de telégrafos de Cuntis.
O convenio que se vai subscribir co Concello de Cuntis atende á adquisición destes dous edificios no municipio, dous inmobles que foron de titularidade pública pero que na actualidade están en mans de particulares e non se atopan en bo estado de conservación, segundo o presidente provincial, Rafael Louzán son un "están feitos un adefesio".
A antiga casa consistorial foi vendida na década dos anos setenta a un particular que hai 25 anos a reformou para destinar o seu uso a vivendas. Ubicada en pleno centro do municipio, o seu estado actual é de "semiabandono", tal e como manifestou o presidente provincial co que deteriora a imaxe da localidade que se verá mellorada coa adquisición deste antigo edificio.
A adquisición do inmoble ascende a 124 mil euros, aos que se suman outros 80.000 para a recuperación da casa de telégrafos da localidade.
Logo de meses de conversas, a Deputación e o Concello de Cuntis veñen de acordar que estes inmobles volvan ser de titularidade pública co fin de dispoñer, ó mesmo tempo, de novos espazos para uso municipal.
Segundo anunciou Rafael Louzán, coa compra destes inmobles, o concello "non terá que seguir alugando o local da Asociación Castro Landín".