As árbores talladas no parque de Briz reconvértense en esculturas de madeira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/330/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/55327e2bd8-dscf6887.jpg)
© Concello de Marín
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/90a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/55327e56e7-dscf6962.jpg)
© Concello de Marín
Tras unha revisión das árbores situadas no ámbito do parque de Briz, a brigada municipal de xardíns de Marín determinou que algunhas especies estaban enfermas e era necesario tallalas e retiralas. Completado ese traballo, os seus responsables decidiron reaproveitar esa madeira e convertelas nunhas esculturas que, dende hai uns días, engalanan todo este ámbito recreativo.
A primeira foi unha figura do bosque que se lle dedicou ao recentemente falecido mestre xardineiro Julio Mediavilla, pero posteriormente os traballos de tallado desta madeira continuaron coa creación dunha serie de pezas como un cabaliño de mar, un caracol, un neno asomándose asustado e un cogomelo, que mesmo se poden utilizar como bancos.
Esta mellora estética do parque complétase coas actuacións que se viñeron realizando nos últimos tempos. A todo este ámbito dotóuselle duns baños e agora estase a valorar a posibilidade de complementalo cun quiosco de verán, que posibilite un servizo engadido nun ámbito frecuentado por moitos nenos.
Dende o goberno municipal de Marín recordan que o parque de Briz require un mantemento constante, non soamente nos módulos infantís e nas zonas de xogos, senón tamén, pola súa propia construción, a tarima de madeira necesita unha constante posta a punto.
Ademais, apuntan que os edificios que alí se encontran son cada vez máis utilizados. No edificio principal, xunto co traballo diario dos servizos sociais municipais e a área de emprego, ensaia a Banda de Música do Ateneo e numerosas asociacións utilizan puntualmente estas dependencias.
Tamén ten un grande uso a escola de música e o local destinado a Protección Civil.