Un caco cambia de estratexia e remata en prisión
Por Oskar Viéitez
A Autoridade Xudicial decretou o inmediato ingreso en prisión dun home de 37 anos de idade, natural da Coruña, con antecedentes policiais, como presunto autor de varios furtos en diferentes establecementos da zona comercial de Pontevedra.
Dende a Comisaría de Pontevedra destacaron que o individuo foi denunciado por furto nestas dependencias en múltiples ocasións, todas as denuncias, ata agora faltas de furto, foron cometidas na súa maioría en establecementos de roupa da zona comercial.
Non obstante neste caso segundo informan fontes oficiais este caco cambiou a súa estratexia habitual. Arriscou e decidiu superar os 400 euros, é dicir, o límite que establece a lexislación actual para que un furto sexa tipificado como delito. Foi a súa perdición.
Os feitos sucederon sobre as 20.30 horas da tarde do día 20 de abril, cando a encargada dunha tenda de roupa da zona comercial presentaba denuncia pola subtracción de pezas valoradas en 1.089,10 euros, por parte dun individuo que ao ser sorprendido tería saído fuxindo.
Os axentes solicitaron datos deste individuo e iniciaron un dispositivo de busca para tratar de localizalo que culminou o día 23 de abril ás 09.30 horas da mañá cando os axentes o interceptaron na rúa Alameda e procederon á súa detención por un delito de furto.
ALGÿNS ANTECEDENTES
No mes de marzo foi denunciado ata en 9 ocasións por furtos en diferentes establecementos comerciais, dende tendas de roupa a perfumarías ou material de informática. O valor dos obxectos subtraídos oscila entre os 61 euros dunhas toallas ata os case 400 euros duns lentes de sol.
No mes de abril e ata a data da súa detención foi denunciado ata en 10 ocasións por furtos sobre todo en tendas de roupa, ópticas, farmacias e mesmo supermercados. Neste caso o valor mínimo do subtraído oscila tamén entre 61 euros de produtos nun supermercado, ata o caso que nos ocupa 1.089,10 euros en pezas de roupa.
Os axentes en todos os casos procederon á incautación dos obxectos e trasladárono a dependencias policiais onde foi identificado e se lle fixo entrega da correspondente citación para a celebración de xuízo rápido por falta.
Se ben nesta ocasión, dado o valor do subtraído, foi detido por un delito de furto, prestou declaración en dependencias policiais e foi posto a disposición da Autoridade Xudicial quen decretou o seu inmediato ingreso en prisión.