O xoves regresarán as chuvias de forma intensa e persistente ás Rías Baixas
A semana do 27 de abril comeza con toda Galicia nunha zona intermedia entre altas e baixas presións segundo a predición de MeteoGalicia. Ao longo da mañá deste luns os ceos anubrados e as chuvias débiles darán paso a ceos máis despexados pola tarde, á vez que comezarán a remitir as chuvias na metade oeste. A temperatura mínima sufrirá un lixeiro descenso durante esta xornada mentres que as máximas se manterán ou mesmo ascenderán ata os 18 graos. Os ventos estarán a soprar de compoñente norte frouxos con intervalos moderados no litoral durante a tarde.
A xornada do martes quedará baixo unha débil influencia anticiclónica que achegará estabilidade meteorolóxica. Os ceos presentarán nubes de tipo medio e alto cunha baixa probabilidade de chuvia. As temperaturas mínimas seguirán descendendo ata os 8 graos e as máximas ascenderán lixeiramente. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte con intervalos moderados pola tarde.
Durante o mércores irase perdendo a influencia anticiclónica da xornada anterior debido ao achegamento dunha nova fronte polo litoral norte na noite. Nesta situación o día estará marcado aínda pola estabilidade meteorolóxica do anticiclón que deixará ceos pouco anubrados ou despexados. Ao final da tarde irán entrando nubes máis compactas que poderán deixar algunhas chuvias pola noite. As temperaturas non terán cambios significativos e os ventos soprarán frouxos de dirección variable pola mañá rolando a compoñente oeste pola tarde e sur pola noite con intervalos moderados nas Rías Baixas.
O xoves será unha xornada de cambios meteorolóxicos significativos pola influencia das borrascas atlánticas e os ventos moderados de compoñente sur. Os ceos estarán cubertos e as chuvias serán xeneralizadas pero máis persistentes e intensas en Pontevedra. As temperaturas máximas sufrirán un descenso considerable ata os 15 graos mentres que as mínimas ascenderán ata os 13 graos.