1 de Maio: "Non é chuvia, é que mexan por nós"
Por Oskar Viéitez
A CIG percorreu este chuvioso venres 1 de maio as rúas de Pontevedra para alertar a cidadanía do "empobrecemento" en "dereitos e condicións".
Baixo o lema "Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos", os manifestantes cargaron contra as políticas económicas e laborais actuais que, segundo proclamaron, "conducen a unha destrución importante" de postos de traballo.
Neste sentido, o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, citou o dito popular: "non é chuvia, é que mexan por nós".
"Levamos anos sufrindo unhas medidas duras coa escusa de xerar emprego e o único que fan é incidir en que esta situación perdure no tempo", advertiu o responsable de CIG en Pontevedra.
Segundo Conde, os máis de 250.000 parados que hai en Galicia, as máis de 150.000 persoas "con salarios de miseria" ou os 100.000 emigrados na nosa comunidade, están nesa situación "por causa das medidas que se adoptan dende a Unión Europea e dende Madrid que non teñen como obxectivo sacarnos da crise senón que as grandes multinacionais sigan tendo beneficios".
A CIG entende que fronte a isto "hai unha saída clara que é a soberanía", sobre a base da "certeza" de que "tomando medidas pensadas por nós, na nosa realidade, poderemos xerar emprego, xerar riqueza e mudar esta situación", dixo Marcos Conde.
Fronte este panorama o secretario comarcal da CIG fixo fincapé nas alternativas defendidas pola central sindical que mesmo impulsou unha Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento galego co aval de máis de 31.000 firmas, pero que foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular e co voto en contra de membros do goberno que presiden Núñez Feijóo "que só entraron no pleno para emitir o seu voto en contra".
Medidas concretas para o sector agrario, a pesca, o naval, o tecido enerxético, a industria conservera ou o téxtil, que abranguen a política industrial e sectores produtivos.
Finalmente, fronte ás teses da patronal que avogan por unha maior flexibilización do mercado laboral, Marcos Conde asegurou que "xa non existen as relacións laborais, os convenios quixeron facelos saltar polos aires e a negociación colectiva xa non existe", e recordou algúns conflcitos abertos como o do sector da conserva "aquí estamos a falar de pagamentos de miseria con latas de conserva", e concluíu "queren escravos, non traballadores".
Nesta manifestación da CIG tamén participaron membros do grupo muncipal do BNG, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de múltiples colectivos, como a plataforma de emigrantes retornados e traballadores en folga indefinida das subcontratas de Telefónica, entre outros.