Persisten as chuvias nesta primeira semana de maio
Este luns 4 de maio trae un inicio de semana con moita intensidade atmosférica con chuvias e ventos intensos. Un centro de baixas presións situado no litoral das Rías Baixas é o responsable de que os ceos estean moi anubrados, con chuvias persistentes, que virán acompañadas de tormenta pola tarde e ocasionalmente de sarabia, segundo a previsión de MeteoGalicia. As temperaturas non experimentarán grandes cambios nas mínimas que permanecerán nos 15 graos, mentres que as máximas descenderán ata os 19 graos. Os ventos soprarán forte dende o sur durante o día e irán rolando progresivamente ata situarse de compoñente oeste pola noite.
A influencia das baixas presións, situadas sobre as Illas Británicas, seguirá presente en Galicia durante a xornada do martes, o que volverá deixar ventos de compoñente oeste. Nesta situación os ceos alternarán nubes e claros con algúns chuvascos máis xeneralizados durante as primeiras horas do día. As temperaturas sufrirán un descenso xeneralizado, deixando unha mínima de 11 graos e unha máxima de 16 graos.
As baixas presións das xornadas anteriores substituiranse transitoriamente durante o mércores pola influencia dunha fronte de altas presións, polo que se agarda un tempo seco e estable segundo o parte de MeteoGalicia. Así, o día amencerá con ceos parcialmente cubertos que se irán abrindo en grandes claros segundo avancen as horas. Por outro lado, as temperaturas mínimas volverán sufrir un descenso ata os 9 graos mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará frouxo de compoñente sur pola mañá e irá virando ata coller compoñente este á noite.
Na xornada do xoves Galicia continuará baixo a influencia anticiclónica con aire cálido en superficie. Polo que durante o día se alternarán intervalos de nubes con apertura de grandes claros e momentos de ceos completamente despexados. As temperaturas traerán un ascenso notable das máximas que chegarán ata os 22 graos durante a tarde, as mínimas tamén sufrirán un ascenso, aínda que menos notable ata os 11 graos. Durante esta xornada os ventos soprarán de compoñente sur, en xeral frouxos pola mañá, aumentando a súa intensidade durante a tarde.