Unha nova inspección municipal da fraude no IBI espera destapar 700 inmobles que eluden o seu pagamento
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra adxudicou este luns á empresa Laya Xestión e Servizos os traballos de actualización do padrón municipal do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e a relación inmobiliaria da Dirección Xeral do Catastro.
Esta empresa especializada empezou esta revisión, en distintas etapas, no ano 2012, completando totalmente as fichas do rural, polo que esta asistencia técnica estará agora destinada ao centro urbano.
Esta exhaustiva investigación regularizou unha numerosos inmobles, tanto novos coma reformados que directamente non estaban dados de alta no Catastro, e descubriu unha importante bolsa de fraude fiscal no pagamento deste imposto de edificios que non tributaban en modo ningún.
En concreto, segundo os datos facilitados polo concelleiro de Facenda, Raimundo González, dende o ano 2012 ata agora rexistráronse 2.364 altas. O IBI é unha das principais vías de ingresos do Concello, xa que supón ao redor de 16 millóns de euros ao ano.
Os traballos de Laya foron adxudicados por 72.600 euros e esperan destapar 700 altas novas, o que xerará un incremento na recadación anual de 300.000 euros.
O concelleiro de Facenda sinalou que á marxe de combater a fraude fiscal, o Concello pretende conseguir que todos os contribuíntes cumpran coas súas obrigas garantindo unha "equidade fiscal".
Relacionadas:
-
O que pagamos por recollida de lixo e saneamento, a inspección en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Prevén incrementar en 700.000 euros os ingresos municipais tras a revisión do IAE e do Catastro
Por Oskar Viéitez |
-
Os pontevedreses 'deben' ao Concello máis de 26 millóns de euros en taxas, impostos e multas non pagadas
Por Alejandro Espiño |