Resaca universitaria para celebrar o Día das Letras Galegas
Por Daniel Santomé
Os actores Isabel Risco e Luís Iglesia provocaron os sorrisos dos estudantes que asistiron á Resaca dás Letras na Facultade de Ciencias Sociais no campus de Pontevedra na que actuaron tamén grupos como Superoito, ExTensión Agraria e Vituco Neira. Con estes actos celebrados durante a tarde do mércores 6, a Universidade quería afastarse dos tópicos arredor da celebración da festividade das Letras Galegas ao mesmo tempo que se reivindica o idioma.
O acto iniciouse coa intervención do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto para a continuación iniciarse unha gala divertida organizada polo profesor Benigno Fernández e un grupo de alumnos. A xornalista da Televisión de Galicia e ex-alumna da facultade, Marga Pazos, premio á mellor comunicadora na última edición dos Premios Mestre Mateo, ofreceu unha charla sobre a importancia da lingua galega no ámbito da comunicación.
A Resaca das Letras finalizou cun recital de poemas, de autores tan característicos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Manoel Antonio, a cargo de alumnos de Ciencias dá Educación e do Deporte. E tamén se entregaron os premios aos gañadores do concurso de poesía e microrrelatos que se levou Raquel López e Emmanuel Joven, estudantes de Ciencias Sociais.