Regalarán bolsas de cores á saída dos supermercados de Sanxenxo para facilitar a recollida selectiva
Por Oskar Viéitez
Os veciños de Sanxenxo recibirán como regalo un paquete de bolsas de cores para fomentar a separación dos residuos producidos nos fogares, así como mellorar a súa calidade, dentro da campaña de concienciación ambiental que poñerá en marcha o Concello este fin de semana.
"É moi importante ofrecer aos veciños as claves para que, á hora de reciclar os envases lixeiros do plástico, briks, latas, cartón e papel, vidro e pilas, o fagan axeitadamente depositándoos no colector correspondente; porque a vontade de reciclar non é suficiente se esta acción se realiza de forma errónea", explicou o edil de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez.
Con iso, José Luis Rodríguez referiuse ao concepto "impropios", é dicir, cando se deposita un residuo equivocadamente ou se introduce no colector que non lle corresponde. "Os impropios supoñen para os concellos unha penalización e un gasto extra na factura do lixo, polo que reducir esa taxa convértese no segundo obxectivo fundamental á hora de programar esta acción", apuntou.
A campaña, dirixida a toda a cidadanía, desenvolverase os sábados 9, 16 e 30 de maio, ademais do 6 de xuño en catro dos supermercados máis representativos do municipio, ao constituír o escenario de orixe dos futuros residuos.
Así, na entrada dos establecementos colocarase unha mesa informativa, atendida por educadores ambientais que darán as pautas necesarias ás persoas interesadas para a correcta separación selectiva, promovendo o lema das 3 erres, reducir, reciclar e reutilizar. Ademais, os encargados de informar os usuarios tomarán nota das súas demandas con respecto aos residuos, así como das dúbidas e erros máis frecuentes que se cometen no momento do seu depósito nos colectores.
"Con estes datos elaborarase un informe final para a Administración local que supoñerá unha interesante ferramenta de traballo para seguir avanzando nesta materia", comentou José Luis Rodríguez
A campaña será patrocinada pola empresa Ascan, concesionaria da recollida de residuos e limpeza viaria no municipio, tal e como se estipula nas melloras ofrecidas no convenio asinado no seu día co Concello de Sanxenxo, e contará coa colaboración de Ecovidrio.