Nova inspección a empresas pontevedresas contra a fraude do IAE
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra adxudicou este luns á empresa Noroeste Local SL (Norloc) unha asistencia técnica de inspección do imposto sobre actividades económicas (IAE) por un importe de 72.600 euros.
Norloc cobrará en función do recadado, un 16% por cada inspección unha vez aboada ao Concello.
Segundo explicou o voceiro do goberno municipal, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, no concello de Pontevedra son máis de trescentas as empresas que están obrigadas ao tributar este imposto ao facturar máis dun millón de euros. A nova inspección do IAE tamén implicará que aumente o padrón anual.
Segundo os datos facilitados por Raimundo González, o Concello espera recadar preto de medio millón de euros por este imposto. No último exercicio, correspondente ao 2014, inspeccionáronse unhas trinta empresas recadándose 494.498 euros en atrasos dende o 2010.
Con esta medida o goberno local persegue a fraude fiscal, aínda que Raimundo González precisou que na maioría dos casos as correccións afectan a conceptos sen actualizar relativos á medición do local ou á potencia contratada de enerxía eléctrica.
"Perseguimos que haxa xustiza impositiva e equidade fiscal entre as distintas empresas e que paguen polo que lles corresponde", concluiu o edil.