Abre as súas portas Cafetaría Pasaje, un clásico en Pontevedra, con aires modernos e renovados
Por Redacción
A Cafetaría Pasaje, en Soportais 6, é todo un clásico da hostalaría pontevedresa. Tras varios meses de peche por cambio de xerencia, a súa dirección pasou ás mans dun mozo emprendedor da cidade como Manu Rey, que realizou nas súas instalacións unha completa transformación para darlle ao local uns aires modernos e renovados.
Eses meses de peche foron aproveitados para as profundas obras ás que a nova xerencia someteu ao local. Esas obras de reforma integral foron realizadas pola firma pontevedresa JRRA Montaxes, que se teñen encargado do deseño e execución da obra civil cun resultado espectacular, mentres que a decoración e mobiliario son responsabilidade doutra empresa local, NAKASA, firma especializada en interiorismo e decoración, que conseguiu dar a Cafetaría Pasaje un toque de distinción, elegancia e personalidade propia.
A súa reapertura, o pasado venres día 8 de maio, permitiu ás numerosas persoas que acudiron ao evento comprobar a beleza do seu novo mobiliario e decoración interior, moi especialmente da súa primeira planta, con tres ambientes diferenciados para facer sentir o cliente como no salón da súa casa.
O local dispón de planta baixa enfocada á actividade de cafetaría e cervexaría e unha primeira planta para gozar tardes de fútbol ou reunións de amigos como no salón de casa
Porque Cafetaría Pasaje presenta agora unha clara diferenciación nas súas instalacións, cunha planta baixa enfocada á actividade de cafetaría e cervexaría, mentres a súa primeira planta acoje unha gran sala dividida en tres espazos diferenciados pero comunicados entre se, ideais para que os seus clientes gocen de tardes de fútbol e espectáculos deportivos en televisión, reunións de amigos, así como noites de diversión, coas copas de primeira hora amenizadas pola mellor música ambiental e co confort dos seus amplos sofás e mobiliario.
E para que nada falte aos seus clientes, ademais dunha atención esmerada, Cafetaría Pasaje abre as súas portas todos os dias da semana, con horario de 8:00 a 23:30 horas, de luns a xoves. De 8:00 a 1:30 horas os venres. De 10:00 a 1:30 os sábados e de 10:00 a 24:00 os domingos.
Ademais, Cafetaría Pasaje dispón dunha ampla carta de cervexas nacionais e de importación, xunto cunha coidada selección de viños, ofrecendo con cada consumición o seu correspondente pincho, a elixir de entre unha variada carta renovada diariamente.