Nodosa desfarase a vindeira semana do megaveleiro repudiado Sea Cloud Hussar
Por Oskar Viéitez
Nodosa desfarase a vindeira semana do casco do megaveleiro Sea Cloud Hussar que ocupa inutilmente a bancada do estaleiro en Marín. Segundo informan fontes da compañía a botadura farase previsiblemente este luns.
O barco fora repudiado polo seu antigo propietario enfastiado dos atrasos nos prazos de entrega por parte de Factoría Naval de Marín (FNM).
Fora encargado en 2008 pola armadora alemá Hansa Treuhand Holding AG por 65 millóns de euros, con destino á súa operadora de cruceiros de pasaxe Sea Cloud Cruises.
Inacabado e amarrado no estaleiro o barco converteuse nunha auténtica lousa que contribuíu ao afundimento de FNM. Detrás deste veleiro, tan desmesurado como o pufo que xerou, se encontraba Bancaja, agora Bankia.
Tras a disolución por quebra de FNM, os novos propietarios de Nodosa Group, encontráronse con este molesto inquilino que está a ocupar unha importante superficie nas instalacións. Do banco só está construído o casco de flotación, de aceiro, con 130 metros de eslora.
Agora Bankia vese obrigada a retirar a nave e intentar obter algún beneficio para recuperar parte da débeda, vendendo a menor prezo, ben como ferralla, converténdoo de novo en chapa, ou ben retomando o proxecto orixinal dun cruceiro de luxo.
NOVO ENCARGO
O espazo que deixará este megaveleiro será moi útil para que Nodosa poida acometer o encargo dun armador británico por 13 millóns para construír un buque palangreiro de 60 metros de eslora con destino ao caladoiro das illas Malvinas.