'Queremos Galego' reivindica o "dereito a vivir na nosa lingua"
Por Natalia Puga & Diego Torrado
'O galego, garantía de futuro'. Con este lema, a plataforma 'Queremos Galego' saíu á rúa este domingo con motivo do Día das Letras Galegas e animou o mediodía da praza da Peregrina coa actuación do grupo Pola Vila e a lectura de textos de Lois Diéguez e Celso Emilio Ferreiro.
Máis dun cento de persoas secundou a concentración convocada pola plataforma e que á mesma hora se repetía en cidades e vilas de toda Galicia. En todas as citas se leu un mesmo manifesto consensuado no que reivindican a lingua galega como "a máis grande obra colectiva do pobo" e anima a seguir na loita para conservala a pesares da política da Xunta de Galicia, institución á que acusan de poñer barreiras ao uso da lingua propia de Galicia en ámbitos como o transporte, a sinalización ou a xustiza, xa sexa "por acción ou omisión".
O acto, ao que acudiron varios membros da candidatura do BNG, serviu para facer notar a "preocupación" pola perda de falantes e a reducción do uso da lingua galega entre a xente máis moza, así como para demandar "medidas concretas" para protexer o idioma. Todo recollido no manifesto que en Pontevedra leron Marta Gómez e Alberte Oubiña, integrantes de Galiza Nova.
O fío condutor do acto levouno Xacobe Rodriguez, que agradeceu a presenza dos pontevedreses neste acto que se repite dende hai anos, pero que, "realmente non debería existir", pois serve para reclamar "algo que en calquera país do mundo é normal, o dereito a vivir na nosa lingua".
En representación de todos os colectivos que integran 'Queremos Galego', léronse durante o acto dous poemas. A ex concelleira Nieves Cuéllar optou polo texto 'A fala' de Lois Diéguez e a sindicalista Begoña Mallo elixiu todo un clásico no Día das Letras Galegas, 'Longa noite de Pedra' de Celso Emilio Ferreiro.
Relacionadas:
-
Filgueira Valverde, protagonista da cidade da mañá á noite
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
A plataforma Queremos Galego convoca unha concentración na Peregrina no Día das Letras Galegas
Por Cristina Saiz |
-
'Maio, mes da lingua' chega máis reivindicativo ca nunca con 60 actividades de 30 entidades
Por Natalia Puga |