A Garda Civil reforzará os medios de Sanxenxo e outras zonas de costa de cara ao verán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Coa chegada do verán, como adoita ser habitual, a Garda Civil reforzará os medios que ten operativos na zona da costa da provincia de Pontevedra para garantir os niveis de seguridade cidadá. Ese reforzo afectará a concellos como Sanxenxo ou Baiona e, en xeral, todos aqueles do litoral nos que hai maior afluencia de turistas.
Ademais de reforzarse con medios propios, a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra recibirá unidades doutras comandancias de España, o escuadrón de Cabalaría e efectivos do Seprona doutras provincias, segundo a información que facilitou este xoves o novo coronel pontevedrés, Miguel Estévez Lara, no primeiro acto oficial presidido como responsable do Corpo na provincia.
En declaracións aos medios tras presidir o acto conmemorativo do 171 aniversario da fundación do Corpo, o coronel indicou que dende a súa chegada á Comandancia constatou que no que vai de ano se repetiu a tendencia de criminalidade xa rexistrada en 2014 e "afortunadamente están bajando los índices de delincuencia".
A pesar das cifras positivas, dende a Garda Civil seguen "trabajando para siempre estar en mejor situación de servir a nuestros ciudadanos de la provincia de Pontevedra", o que, segundo o coronel, é o seu "principal objetivo". Entre as súas prioridades figuran a seguridade cidadá, o tráfico de drogas en todas as súas manifestacións e, en verán, os incendios forestais.
O coronel Estévez Lara destacou que no seu 171 aniversario, a pesar de que "peinamos canas", na Garda Civil "sacamos músculo". Insiste, en concreto, en que se trata da "institución más valorada repetidamente por los ciudadanos", circunstancia que lles pon "el listón alto".
Coa presenza de autoridades civís, representantes da Brilat e das policías Local, Nacional e Autonómicas e unha comisión de distintos estamentos xerárquicos da Comandancia, o acto serviu para render homenaxe a toda a Garda Civil e entregar distincións a axentes e mandos que destacaron pola súa traxectoria e actuacións.