Expertos abordan en Pontevedra como xerar emprego e evitar a corrupción na contratación pública
Por Oskar Viéitez
Máis dun 18 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) da Unión Europea invístese en contratación pública. Este enorme gasto en obras, subministracións e servizos explica os problemas de corrupción como consecuencia de malas prácticas e insuficientes controis.
En Galicia existen preto 200 cargos públicos imputados, non sempre con intereses perversos, moitos por unha mala praxe na xestión de contratos públicos.
Pero unha visión estratéxica das compras que se fan co diñeiro de todos tamén é unha magnífica 'ferramenta' ao servizo dos poderes públicos para conseguir obxectivos sociais, ambientais ou de investigación, mellorando ao mesmo tempo o emprego, a saúde pública e as condicións sociais.
Expertos de universidades galegas e portuguesas debateron esta semana en Pontevedra sobre o futuro deste sector. A súa principal conclusión foi que a "ecuación eficiencia-transparencia" debe ser o eixo da contratación pública do século XXI.
Debater que pasos se deben dar neste eido para "ser máis incisivos na eficacia destes procesos e na determinación dos principios de transparencia e igualdade de trato" foi o obxectivo central das II Xornadas Hispano Lusas de Contratación Pública, como sinala o seu director, o profesor de Dereito Público da Universidade de Vigo Rafael Fernández Acevedo.
Segundo relatou Fernández Acevedo, as directivas comunitarias sobre contratación pública aprobadas en 2014 están a motivar un proceso de cambio lexislativo que en España xa botou a andar cun anteproxecto de lei de contratos do sector público que, a xuízo deste profesor, probablemente non será aprobado ata o vindeiro ano, dada a proximidade das eleccións xerais.
OS NOVOS RETOS DO SECTOR
A mellora da eficiencia, a simplificación dos procedementos, a contratación electrónica, o desenvolvemento de novas medidas para evitar a corrupción ou para permitir unha maior presenza das PEME nas licitacións públicas, así como a internacionalización dos procesos de compra foron, segundo explicou Fernández Acevedo, outras das ideas no debate das xornadas que se desenvolveron en Pontevedra.